viernes, 30 de octubre de 2009

OLA DE NOVO

Aquí estamos outra vez dispostos a contarvos todo o que nos ocurra e o que se nos ocurra; agora imos ser nós os que vos elixamos o que queremos contar neste blog. Por iso o primeiro que temos que dicirvos é que temos un recuncho de bichos; comezamos cunha parraguesa que axiña que morreu Adri arrincoulle as ás, e agora temos unha libélula, caracois, grilos, moscas, abellas, e andamos a ver se atopamos unha miñoca. Observámolos coa lupa e temos un pequeno microscopio que aínda non sabemos como funciona, pero en canto o aprendamos tamén o imos usar.




Tamén queremos contarvos que xa lles puxemos nome aos nosos equipos, traballo nos custou! Primeiro tivemos que reunirnos en pequenos grupos, dar suxerencias e decidir por maioría cal era o que máis nos gustaba, iso dounos traballo pero conseguímolo, os nomes son: leóns, Mickey e monos. Despois fixemos un debuxo cada un do nome do seu equipo e como non nos poñiamos dacordo en cal era o mellor, a profe colocounos no encerado por turnos e os nenos dos demáis equipos votaban cal lles parecía o máis bonito, era secreto pois ninguén sabía de quén eran os debuxos. Asumimos, non sin algún pequeno disgustiño, cal era o vencedor de cada grupo e xa o pegamos na mesa. Quedaron moi bonitos.

Esta semana fomos ao campiño que está detrás do cole e atopamos ourizos, castañas, cogumelos, follas, peras e mazás. O malo é que as mazás e as peras aínda estaban na árbore e quixemos intentar collelas pero non fomos capaces, ímoslle pedir a algún irmán maior a ver se nos pode coller unha pequeniña.


E por ultimo contarvos que como este fin de semana celebramos o Samaín, decoramos cabazas na casiña, e logo trouxémolas ao cole para adornar, pintamos bruxas, arañas e morcegos e cantamos unha canción de monstros. Pasámolo moi ben, porque as cousas de medo sempre nos gustan e rimos moito con elas.



Ata pronto.